Reaccións dos grupos de goberno de Cambados tralo pleno da pasada noite no que se aprobou, modificada, a constitución dunha comisión consultiva para a organización da Cidade Europea do Viño, coa abstención do BNG e unha dura reprimenda por parte do portavoz nacionalista ao seu socio de goberno José Ramón Abal.
O portavoz nacionalista, Victor Caamaño, enviaba esta mañá un aviso aos seus socios de goberno, sobre todo ao concelleiro de Pode, José Ramón Abal, para que cambien as formas de funcionamento do goberno.
En todo caso, asegura que o BNG formará parte da comisión.
Dende o PSOE, a alcaldesa Fátima Abal, explicaba que o seu voto sería en contra no caso de que a proposta de Abal non se modificara, coincidía co BNG en que debe haber máis planificación dentro dos grupos de goberno pero matizaba que as discrepancias internas non son asunto para debater na sesión plenaria.
Por parte de Somos Cambados, o portavoz Tino Cordal, pensa que ao longo dunha lexislatura é normal que xurdan diferencias entre os grupos de goberno, rexeita a forma na que foi presentada a proposta da comisión da Cidade do Viño por José Ramón Abal e coincide en que os asuntos internos non deben traspasar á opinión pública.
E o concelleiro máis controvertido, José Ramón Abal, resta importancia ao acontecido e veo como un exercicio da democracia.
Cambados terá comisión consultiva para a organización da Cidade Europea do Viño pero non será tal e como a deseñou o concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal.
O pleno da corporación municipal aprobou, cos votos de todos os grupos políticos agás o BNG, que se abstivo, unha modificación introducindo convenios con cada un dos integrantes para axustala á legalidade.
Os nacionalistas abstivéronse porque a proposta non foi consensuada previamente entre os socios de goberno e por tal motivo, o portavoz Víctor Caamaño, reprendeu con duras palabras ao concelleiro de Pode.