A I Festivala “Mulleres creando” chega este sábado 26 de novembro a Vilagarcía para visibilizar o papel da muller como creadora en diferentes eidos e loitar contra as violencias machistas.
Unha iniciativa organizada polo colectivo O Soño de Lilith que comezará partir das 12:00 horas e prolongarase ata a madrugada.
Multitude de propostas culturais daranse cita no recinto feiral de Fexdega, ademáis dunha feira de artesanía na que mulleres creadoras de toda a provincia de Pontevedra achegarán os seus traballos en múltiples disciplinas: ilustración, pintura, alimentación, asociacionismo, deseño e moda etc.
A I Festivala pretende ser un día reivindicativo pero tamén de festa e diversión, tal e como se reflexou esta mañá na presentación da iniciativa, coa presencia da Presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Así o recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.
Ademais haberá presentacións literarias e microteatro ás 12:30h e ás 17:00 o recital poético “A violencia dun sorriso” do colectivo Implicadas no desenvolvemento.
A infancia tamén terá o seu oco neste Festivala.
Ás 12:30 e ás 17:00 horas realizarase un obradoiro infantil sobre o papel das mulleres na arte e a súa invisibilización a cargo de Sol R. Gil, licenciada en Belas Artes e experta en arte terapia.
Pensado para nenas e nenos de 6 a 14 anos, o obxectivo da actividade será gozar da arte empregándoa como ferramenta para o fomento da igualdade.
A música terá tamén un papel esencial.
Ás 18:00 a proxección do documental MGK servirá para presentar o proxecto “Mulleres Galegas Kañeras”, que pretende dar visibilidade ás artistas galegas na música rock, heavy e metal que se fai nesta terra, potenciando e reivindicando a figura da muller neste ámbito musical.
Pero a música xa empezará a soar ás 13:45 h coa Sesión Vermú a cargo do grupo de percusión tradicional galega As Punkiereteiras.
As 19:00 h darán comezo os concertos, nos que xa están confirmados os grupos Trême, formación creada por Sú Garrido e Margarida Mariño en 2014 con influenzas que van dende a bossa nova até o trip hop; Moun Qup, o proxecto en solitario da cantante francesa Camille, ou Bala, o grupo de Ánxela Baltar e Violeta Mosquera cuxo primeiro álbum, Human Flesh –un disco furioso cheo de stonner rock, grunge, metal e pop– foi todo un éxito e levounas de xira polos principais festivais de España e Europa.