O Imposto de Bens Inmobles situarase o ano que ven no 0.55%, tal como se aprobou no pleno da corporación de Vilagarcía celebrado a pasada tarde.
Finalmente, PSOE e BNG beneficiáronse da disensión interna de EU para sacar adiante a proposta do grupo de goberno sen necesidade do voto de calidade do alcalde.
O edil de EU Miguel Alves votou en contra da iniciativa do seu grupo, que pretendía a rebaixa do IBI ata o 0,54 e que contaba co respaldo do PP e de Somos Maioría, por entender que suporía «compincharse nun acordo ridículo co PP”.
Dende o grupo de goberno, argumentábase que a rebaixa por baixo do 0,55 pon en risco as axudas para aquelas familias que se ven incapacitadas para pagar o IBI.
Pola contra, dende o PP, Esquerda Unida e Somos Maioría aseguraban que esas bonificacións, ainda sen cuantificar, pódense manter recolocando fondos e partidas.
Neste sentido, o portavoz do PP, Tomás Fole argumentou esta mañá que a rebaixa do IBI ata o 0,54 sería viable porque os 100.000 euros que estima o Concello que deixaría de ingresar por este concepto se poderían afrontar cos 150.000 euros que non hai que pagar do préstamo do proxecto de Luz Salgada.
Ademáis, o portavoz popular acusa de “conchabeo” entre o PSOE, BNG e o concelleiro díscolo de Esquerda Unida para aprobar os asuntos que, segundo o portavoz popular, non favorecen a Vilagarcía.
Así o explicaba Tomás Fole nunha rolda de prensa que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.