A comarca do Salnés ofrecerá 5 obradoiros de emprego para desempregados.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, visitou está mañá a sede da Mancomunidade de O Salnés para informar dos obradoiros de emprego que foron concedidos na comarca para o vindeiro outono.
Á espera de que se aprobe algún proxecto máis, a comarca de O Salnés contará de momento con 5 obradoiros, dous presentados pola Mancomunidade, outros dous do Concello de Vilagarcía e un do Concello de Cambados.
A Mancomunidade de O Salnés volve a ter unha nova edición do tan solicitado Obradoiro de Hostelería, no que poderán participar 20 alumnos e que este ano, por primeira vez, vai mudar a súa localización e pasa de A Lanzada a celebrarse en Sanxenxo.
Ademáis, o segundo obradoiro aceptado e no que outras 20 persoas sen emprego poderán formarse é o de rehabilitación de muíños de río que se desenvolverá en Vilanova, Meaño e Sanxenxo.
A maiores, a mancomunidade presentara un terceiro proxecto dirixido a menores de 25 anos para rehabilitar contornas naturais en Ribadumia e Meis, pero finalmente non foi concedido.
Vilagarcía contará con dous obradoiros, un de monitores de tempo libre e un segundo de atención sociosanitaria e mantemento de zonas verdes, no que poderán formarse 35 persoas.
E Cambados continuará cos seus módulos de cantería, carpintería e xardinería para rehabilitar o centro historíco da vila e que darán emprego a 20 persoas.
En toda a provincia de Pontevedra, a Xunta autorizou un total de 29 obradoiros, que supoñen un investimento de 5 millóns de euros.
Con estes obradoiros, persoas desempregadas poden aprender un novo oficio e cobrar un salario á vez que realizan tarefas para os concellos.
Os obradoiros de emprego da comarca de O Salnés foron presentados esta mañá polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, en compañía do presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, nunha rolda de prensa que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.