O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda licita hoxe, no Diario Oficial de Galicia, as obras de mellora do firme de estradas de Arousa e Pontevedra nas que se investirán máis de 620.000 euros.
Estes traballo permitirán mellorar case 20 quilómetros afectando a tramos que atravesan os concellos de Cambados, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, Barro, Meis e Pontevedra.
O delegado territorial aproveitou unha visita ao concello de Vilanova de Arousa para facer pública esta licitación en compaña do alcalde da localidade, Gonzalo Durán, do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, e do xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.
Tal e como explicou Cores Tourís, en todas estas estradas actuarase levando a cabo o fresado e a reposición das áreas que presentan un maior nivel de fisuración, aplicándose microaglomerado e capa de rodadura.
No caso do concello de Vilanova de Arousa, verá mellorar a estrada Caleiro-Vilanova, ao longo de 1,8 quilómetros. Ademais, tamén se mellorará o vial Vilanova-Ponte-Illa de Arousa en 1,5 quilómetros, “é dicir, ao longo de toda a estrada, tal e como ocorre coa estrada Tremoedo-Deiro, que verá mellorar toda a súa lonxitude, 2,5 quilómetros”, matizou o delegado territorial.
Ademais, tamén se mellorará a Vía Ra´pida do Salnés ao seu paso por Cambados, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, onde, ademais do firme da propia estrada, tamén se mellorará a capa de rodadura en dúas glorietas.
Finalmente, levarase a cabo a mellora do firme da PO-531 Pontevedra-Vilagarcía ao seu paso polos concellos de Pontevedra, Barro, Meis e Vilanova de Arousa, ao longo de máis de dez quilómetros. No caso desta estrada, os técnicos consideran importante a súa mellora debido a que existe unha elevada fisuración debido ás condicións climatolóxicas e ao elevado tránsito de vehículos pesados a diario. As obras executaranse nos tramos que quedaron pendentes na anterior actuación de fresado localizado.
Os viais nos que se actuará detallábaos o delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, nunha rolda de prensa que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.