Cambados ten xa todo listo para a celebración do Entroido 2016, que será máis participativo, coa implicación directa de diversos colectivos sociais e veciñais, a novidade da presenza de comparsas no Desfile e a crítica satírica sobre o cuatripartito.
A asociación “Unha, grande, chea” abre as actividades cun concerto no que intervirán 8 grupos locais a beneficio de AME. Será o venres 5 de febreiro na Praza de Alfredo Brañas.
Ademáis dunha homenaxe o seu fundador Xaquín “Chon” Charlín, falecido o ano pasado, o colectivo tamén dará lugar as críticas satíricas ao cuatripartito con letras como “xuntáronse tres un día, máis un que ven agregado, quixeron botar ao alcalde e fixérono deputado”.
O sábado día 6 será a primeira xornada dos “Petiscos de Entroido”, concurso de pinchos organizado pola Asociación de Comerciantes Zona Centro, en colaboración cos hosteleiros locais. O mesmo día, o Parque Torrado encherase de animación infantil, con inchables, obradoiros e globoflexia, da man da Illa dos Nenos.
O domingo 7 será o Desfile de Carrozas, coa inclusión como novidade das comparsas, e que será retransmitido pola humorista Isabel Risco. Partirá as 17 horas de San Tomé para rematar na Praza do Concello.
O luns 8 o salón Peña acollerá o Desfile de Entroido Infantil, as 17 horas, organizado un ano máis pola Çonfraría de Cambados, e paralelamente, celebrase no Salón Peña o Concurso de Filloas.
O martes 9 será o día do Concurso de Disfraces e Comparsas na Praza de Alfredo Brañas (en caso de chuvia no Salón Peña).
E xa o mércores 10 pechará o Entroido o enterro da Sardiña cunha representación a cargo de Ademar Silvoso, “para salvar as almas logo dos excesos do Entroido”.
Será, primeiro, ás 19 horas na Praza do Concello cunha “homilía guiada polo predicador e o coro gospel Olodum Do Coio” e despóis na praia de San Tomé a queima da Sardiña “ou no despacho da alcaldesa se as inclemencias do tempo así o dictan”.
Os premios serán de ata 500 euros para os gañadores de Carrozas e de ata 300 euros para os Disfraces.
O programa foi presentado esta mañá no Concello de Cambados, coa presenza do concelleiro de Cultura, Victor Caamaño, acompañado dous representantes de Unha, grande, chea, os presidentes de Zona Centro, Juan Rey, e da Confraría, Ruperto Costa, ademáis de Ademar Silvoso.
Detalles que recollemos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.