A gastrotaberna Churruca, na rúa da Baldosa en Vilagarcía, acolle dende mañá e ata o 30 de novembro unha exposición de pinturas de Javier Bruquetas, a favor da asociación “Sonrisas pelonas”, grupo sen ánimo de lucro que desenvolve o seu labor entre persoas hospitalizadas con cancro infantil e para fundacións destinadas á investigación.
A mostra inaugúrase mañá mércores ás 17.30 horas, cun prezo de entrada de 10 euros como donativo solidario.
A iniciativa partiu de Voluntarios BBVA, colectivo de traballadores da entidade que realizan actividades de carácter solidario.
De feito, o autor dos 21 cadros da exposición é un empregado da entidade bancaria, actualmente tamén enfermo de cancro.
Na mostra tamén colabora a adega Paco & Lola, xunto ao establecemento hostaleiro, que contribúe doando os produtos que se consumirán no tempo de duración da exposición.
Durante a mostra tamén poderán adquirirse artigos realizados pola propia asociación “Cabezas Pelonas” que informará da súa actividade no acto da presentación inaugural.
“Sonrisas pelonas”, asociación sen ánimo de lucro rexistrada o pasado 7 de setembro, naceu para axudar e apoiar a proxectos solidarios ou a fundacións que se dedican á investigación do cancro infantil e para intentar facerlles ás nenas e nenos que se atopan hospitalizados a estancia un pouco máis agradable, coa doazón de xoguetes, pinturas, libros e outros agasallos ao gusto da xente miúda. En expresión deste colectivo, “para axudar a esas guerreiras e guerreiros na súa persoal loita”.
De todos os detalles desta iniciativa falamos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA con Francisco Martín, coordinador de Voluntarios do BBVA na provincia de Pontevedra.