Os traballadores do mar desempregados da comarca de Arousa poderán ser recolocados noutros postos de traballo a través dun plan de recualificación que porá en marcha o colectivo UPTA en colaboración, de momento, con catro concellos arousáns:Cambados, Vilagarcía, A Illa e O Grove.
Nesta iniciativa, na que se agarda tamén a colaboración da Deputación de Pontevedra, os mariñeiros que actualmente se encontren en situación de desemprego recibirán formación específica para os postos de traballo que demanden as empresas da provincia.
Beneficiaránse de este plan 500 mariñeiros da provincia, escollidos polos Servicios de Emprego, dos que máis do 60% serán da ría de Arousa, xa que é onde se rexistra o maior número de actividade do mar.
Ademáis da formación específica, o colectivo UPTA, proporcionará os coñecementos necesarios para a creación de autoemprego, e realizará un seguimento das empresas para axudar a que o negocio saia adiante.
Nesta acción, poderán participar tanto os traballadores do mar que queiran poñer en marcha un novo negocio como outros emprendedores dos distintos sectores de Cambados.
O Plan de Recualificación para traballadores do mar, que aínda se atopa en fase de programación, está financiado nun 60% polos Fondos Europeos de Adaptación á Globalización e terá un periodo inicial de dous anos que comezará a partir do vindeiro ano.
O Concello de Cambados xa se sumou a este proxecto, co que confía conseguir que os mariñeiros desempregados do municipio poidan acceder a outros postos de traballo e esto axude a potenciar a economía local.
O Plan de Recualificación para os traballadores do mar foi presentado esta mañá en Cambados, polo representante de UPTA, Enrique Abad, acompañado da alcaldesa, Fátima Abal, e do concelleiro de Promoción Económica, Xurxo Charlín, nunha rolda de prensa que escoitamos en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.