O consello da Xerencia de Urbanismo aprobou hoxe definitivamente o proxecto de urbanización na avenida das Carolinas promovido por Metalgráfica Gallega, SA (Megasa). A proposta conta con todos os informes técnicos e xurídicos favorables, incluídos os da dirección xeral de Estradas do Ministerio de Fomento e do ente Augas de Galicia, dependente da Xunta. As alegacións da asociación de comerciantes Zona Aberta, que si entraron en prazo (así o indica o mataselos de Correos, do 5 de marzo) foron rexeitadas á vista dos dictames técnicos. Malia a tardanza no comezo da sesión, os acordos do consello de Xerencia son válidos, á vista dos seus propios estatutos.
A primeira convocatoria era para as 10,00 horas e a segunda, para as 10,30. Como queira que entonces o alcalde, que preside a sesión, non estaba presente, os vocais da oposición decidiron marcharse. Ás 10:40 incorporouse o rexedor e como entonces había outros dous vocais –os concelleiros Ana Granja e "Cholo" Dorgambide- a sesión si puido celebrarse por contar con alomenos tres membros na segunda convocatoria. Foi tamén o regulamento o que impediu que a presidenta da Zona Aberta puidera asistir á reunión, como solicitou.
Sen embargo, a lectura que se facía dende Zona Aberta do acontecido era radicalmente distinto. Consideraban que o Consello da Xerencia non se puido celebrar por falta de quorum e que ambos proxectos da orde do día, o de Megasa e a instalación dun supermercado na Avenida Pablo Picasso, quedaban paralizados.
A presidenta da asociación de comerciantes contábanos a súa versión do acontecido en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA.