Sen incidentes de importancia desenvolveuse o primeiro día de folga dos traballadores de Lantero, convocada pola plantilla para tratar de frear o plan de recortes que prevé ou despedimento de 32 empregados e unha rebaixa salarial do 30%.
Fronte ás instalacións estivo situada toda a mañá unha dotación da Policía Nacional controlando os movementos dos piquetes informativos, formados por uns 100 traballadores.
Coa quenda das 6 da mañá comezou o paro, que transcorreu con tranquilidade, a excepción dun incidente protagonizado por un empregado das oficinas que sobre ás 11 da mañá arrolou co seu vehículo a un dos integrantes do piquete, que foi trasladado por Protección Civil ao Hospital do Salnés, afectado dun golpe no brazo.
Previamente, parte do persoal de oficinas chegou ás instalacións da empresa a bordo dun autocar coas cortinas baixadas, sendo escoltado polos vixilantes de seguridade.
Segundo o portavoz do comité de empresa, Jesús López, a producción da fábrica quedou totalmente parada, a excepción dos traballos que realizou persoal contratado por ETTs.
Asimesmo, o comité denuncia que a empresa lles negou a entrada á fábrica para informar ós traballadores que decidiron non secundar á folga.
Unha feito que porán en coñecemento de Inspección de Traballo.
Ó remate da xornada de hoxe, decidirán se mañá realizan ou non un novo paro, pero é previsible que a convocatoria de folga continue.
En canto ás reunións coa dirección para negociar o plan de recortes, a plantilla propon á empresa a sede do Consello Galego de Relacións Laborais como novo escenario para a seguinte reunión, que sería o mércores e non mañá como estaba previsto pola empresa.
Todo elo nolo contaba en directo en AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA, o presidente do comité de empresa, Jesús López, nunha conversa con Alba Piñeiro.