Durante os últimos 6 meses, os 20 alumnos - operarios do obradoiro de emprego Cambados Turismo Sostible II, todos eles desempregados de longa duración, formáronse en traballos de canteiría e xardinería forestal e encargáronse de restaurar elementos do patrimonio cambadés mellorando así a estetica da cidade e a oferta turística do municipio.
Entre os traballos desenvoltos polos 20 alumnos, baixo a dirección de Enrique Ferreiro, destacan a restauración e acondicionamento da fonte lavadoiro do Pardiño, en Vilariño, a mellora da senda fluvial do río Umia, cun novo trazado en Covas de Lobos, así como a dotación de mobiliario novo, xardineiras, bancos e prantas ornamentais na rúa Hospital, e o acondicionamento e novos deseños dos xardíns do Parque Torrado, a Casa dos Fraga e o Paseo da Calzada. Ademáis, tamén se instalaron varios elementos escultóricos, elaborados polos alumnos do módulo de canteiría, no entorno do Salón Jose Peña e na rotonda das Cabanas.
Durante os 6 meses de obradoiro tamén se levaron a cabo cursos de iniciación á informática, prevención e seguridade laboral, así como orientación laboral e xestión de empresas.
Toda esta iniciativa de formación laboral tivo un investimento por parte das administracións de preto dos 200.000 euros.
Durante o acto de clausura que se celebrou esta maña no salón de plenos do concello, o alcalde Luis Aragunde adiantou que xa pediron á consellería de traballo dous novos obradoiros para este ano, un de xardineria e outro de canteiría e madeira que esta previsto que se aproben nos vindeiros meses.
En AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA recollíamos ás palabras no acto de clausura do alcalde de Cambados, Luis Aragunde, e do director do obradoiro, Enrique Ferreiro.