Preto de 10.000 autónomos e microempresas das comarcas do Salnés e Caldas ponden dende hoxe beneficiarse do Centro de Asesoramento de Novas Tecnoloxías que onte á tarde se inaugurou en Cambados, no Comarcal Exposalnés.
O obxectivo final é que as empresas de ambas as dúas comarcas se beneficien das vantaxes das novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade e como motor de innovación.
A nova oficina forma parte dunha rede de 6 centros, dos que xa botaron a andar os de Lalín (que atenderá as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes), o de Ponteareas (para empresarios e autónomos de O Condado e A Paradanta), e O Porriño que, xunto coa oficina de Vigo, que se inaugurará proximamente, dará cobertura aos 33.000 autónomos e microempresas das comarcas de Vigo e Baixo Miño.
A eles sumarase a de Cambados que agora se inaugura e a sede central, que se situará no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra e que atenderá as comarcas e Pontevedra e O Morrazo, ademais de coordinar ás 5 oficinas restantes.
Asesoramento personalizado
Desde hoxe mesmo, dous técnicos especializados atenderán o CPAE 2.0 de Cambados, no que os interesados poderán atopar resposta ás súas dúbidas tecnolóxicas, así como formación e asesoramento personalizado para un bo uso das tecnoloxías no seu negocio.
O obxectivo do Centro de Asesoramento Empresarial en novas Tecnoloxías é, precisamente, difundir e achegar as vantaxes das TIC entre autónomos e micropemes da provincia, centrando a atención de maneira especial naquelas de 5 ou menos empregados, que constitúen o 92% do tecido produtivo da provincia e que, ademais, son as que máis dificultades teñen para incorporar as novas tencoloxías.
O persoal técnico especializado da oficina non só responderá a todas as dúbidas tecnolóxicas dos usuarios, senón que ofertará actividades formativas e apoio e orientación personalizada para a implantación das ferramentas informáticas que mellor se adapten ás necesidades de cada empresa e negocio.
O Centro disporá de dous técnicos que atenderán todas as consultas nun horario amplo e, ademais, para facer máis doado o acceso a este asesoramento especializado, as consultas poderán facerse de forma presencial, por teléfono ou a través da rede (correo electrónico, dispositivos móbiles…).
Nesta oficina poderase atopar resposta a preguntas como a mellor maneira de aforrar nas comunicacións da empresa; como xestionar un negocio on-line; como controlar o stock da empresa desde un dispositivo móbil; como poñer en marcha plataformas de comercialización a través da rede ou que ferramentas de xestión que lle poden ser de utilidade, entre outras moitas.
Trátase, en definitiva, de que cada empresario reciba o asesoramento tecnolóxico máis adaptado as súas necesidades.
En AROUSA PONTEVEDRA DIA A DIA recollemos as declaracións do Presidente da Deputación, promotora da iniciativa, do alcalde de Cambados e dos técnicos durante o acto de inauguración do centro. Alba Piñeiro falaba con eles.