O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou hoxe o concello de Vilagarcía de Arousa para facerlle entrega de diversa maquinaria e comprobar o resultado dos traballos realizados no contorno da igrexa de Cornazo para dotala dun aparcadoiro amplo.
Louzán destacou a importancia destes traballos, así como da maquinaria facilitada ao concello, consistente nun tractor agrícola, cunha desbrozadora de cadeas e outra de brazo hidráulico, xa que lle permitirá ao concello proceder directamente á limpeza de camiños, áreas rurais e espazos públicos da cidade, dando resposta ás demandas veciñais.
O titular da Deputación incidiu en que se trata dunha “dotación imprescindible” para un concello do tamaño e das características de Vilagarcía e do que ata o de agora carecía.
Trátase dun subministro incluído no Plan de Investimentos e cun orzamento de 110.231 euros, que foi adxudicado á empresa José Ramón Lois Simans.
No caso do aparcamento da igrexa de Cornazo, as obras comezaron o 16 de xullo e rematan hoxe.
Procedeuse á explanación do terreo, cos conseguintes desmontes, nivelacións, construción de muros… e ao asfaltado do terreo.
Os traballos afectaron a unha superficie duns 4.000 metros cadrados e contaron cun orzamento de 150.000 euros, que permitiu dotar a igrexa de Cornazo dun amplo aparcamento que dará solución aos problemas que ata o de agora existían para estacionar vehículos, especialmente en grandes celebracións e festas.