Moción de censura en Catoira.
Os portavoces do Partido Socialista e do Partido Popular en Catoira, Alberto García e Iván Caamaño, presentaron esta mañá no Rexistro do Concello o escrito que promove esa moción de censura que desaloxará do goberno local ao nacionalista Xoan Caamaño.
Os motivos xustifícanos nunha carta asinada por ambos para ser remitida en próximos días a todos os veciños do municipio.
Denuncian na carta que "o Concello está esquecido" e que "o alcalde do BNG non traballa para a xente de Catoira e incumpre as súas promesas electorais".
O que se limita a facer Xoán Castaño, din García e Caamaño, é "beneficiar aos seus, pagando diñeiro a xornais dos que el mesmo é accionista ou contratando xente das listas do BNG para pagarlles ata 3.000 euros por dar un pregón".
"O que resta de mandato a Alcaldía estará dividida a partes iguais. Metade gobernará Alberto García e a outra metade Iván Caamaño, mentres un sexa alcalde outro será tenente de alcalde",
O pleno para debater e aprobar a moción de censura sen complicacións, xa que suman 8 concelleiros nunha Corporación de 11, celebrarase o día 17 ás 12.00 horas.
Sen embargo, a moción de censura non conta co beneplácito das direccións de ambos partidos na provincia.
O presidente da formación popular en Pontevedra, Alfonso Rueda, dixo esta mañá en A Illa de Arousa que a moción non foi consensuada nin autorizada polo partido.
Rueda asegura que non está de acordo coa decisión pero que o partido agardará a escoitar as explicacións do grupo municipal de Catoira.
En todo caso advirte que, probablemente, se adopten medidas disciplinarias.
Dende o PSdG, o secretario provincial, David Regades considera que "este acordo é un erro político grave. O Partido Socialista na provincia de Pontevedra non comparte este tipo de acción, e menos un acordo político co Partido Popular. Un Partido Popular da discordia, un Partido Popular dos recortes, un Partido Popular dos castigos en materia de sanidade e de educación pública"
Ao igual que no PP, o máximo responsable provincial socialista adiantou que "imos convocar de maneira inmediata ao grupo municipal na sede provincial, e iniciaremos tamén nese mesmo momento un expediente para tratar a devandita situación".