#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
A Plataforma de afectados polas listas de espera sanitarias no Salnés continúa coa rolda de encontros cos partidos políticos para que recollan as súas demandas cara as vindeiras eleccións autonómicas do 5 de abril.
Tras reunirse onte coa deputada do BNG Montse Prado, o colectivo faino esta mañá co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e mañá teñen previsto unha xuntanza co PP.
O goberno local de Vilagarcía da o seu "decidido apoio" ás reivindicacións da da Plataforma de Afectados polas Listas de Espera.
Neste sentido, o pleno ordinario de marzo incluirá unha moción do grupo de goberno na que se expresan as principais demandas deste colectivo en materia de saúde para a futura Xunta de Galicia.
O debate plenario producirase a apenas dez días das eleccións autonómicas do 5 de abril.
A Plataforma foi recibida esta mañá polo alcalde, Alberto Varela, a portavoz municipal, Tania García, e a concelleira de Sanidade, Maty Laya.
Durante o encontro, o goberno local explicoulles aos representantes do colectivo as súas xestións para mellorar a atención sanitaria no municipio, "con especial incidencia na necesidade de contar cun centro de saúde acorde aos tempos actuais e á realidade da oitava cidade de Galicia e noveno municipio por número de habitantes", sinalan fontes municipais.
Pola súa banda, o colectivo lembrou as súas principais demandas: impedir o desmantelamento ou deterioro da atención sanitaria no hospital do Salnés e a súa dependencia de centros de Pontevedra, ou que todos os partidos, sindicatos e asociacións camiñen en común nese obxectivo.
"Reivindicacións do colectivo de Afectados polas Listas de Espera coas que o goberno local coincide plenamente. De aí o seu compromiso de levar este debate ao vindeiro pleno, o 27 de marzo", indica o executivo municipal.
Asimesmo, o presidente do colectivo, Santiago Bua, pide aos usuarios da sanidade pública que presenten reclamacións para que o Sergas non contabilice listas de espera ficticias.