#hoxeenArousaPontevedraDíaaDía
#de12a1430
O Coordinador de Seguridade e Saúde da obra da Rúa Vázquez Leis fará unha inspección para determinar os puntos que é preciso acotar, os medios para asegurar o valado e acondicionar os accesos ás vivendas.
Así o anunciaron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a Concelleira de Urbanismo, Paola María, durante a reunión celebrada esta pasada noite cos veciños afectados pola paralización dos traballos a raiz da situación que atravesa a empresa Nexia, adxudicataria do proxecto.
A maiores, tamén se habilitará un paso seguro para peóns no cruce de Vázquez Leis coa Avenida de Cambados co fin de evitar que teñan que invadir a calzada para atravesar a rúa.
Asimesmo, os titulares de vados permanentes en Vázquez Leis serán exentos do pago da cota anual correspondente ao ano 2020 debido á imposibilidade de facer uso dese servizo como consecuencia das obras.
O alcalde Alberto Varela, agradece en nome de todo o goberno local a colaboración e o afán construtivo dos veciños da Rúa Vázquez Leis cos que mantivo a xuntanza onte pola noite no centro socio cultural de Vilaxoán.
O rexedor acudiu a reunión para explicarlles as xestión que está a levar a cabo o Concello para salvar as dificultades legais creadas pola situación que atravesa a empresa adxudicataria, Nexia, e comprometeuse a continuar buscando a solución máis rápida e eficaz que permita rematar canto antes a parte da obra que queda pendente.
Varela Paz trasladoulles as dificultades legais que existen ante este tipo de situacións e que limitan o marxe de manobra das administracións afectadas, que son moitas en toda a provincia de Pontevedra.
Sobre todo, despois de que a adxudicataria alegase contra a decisión municipal, alegacións que están sendo analizadas moi minuciosamente polos servizos técnicos e xurídicos do Concello por si o asunto chegase a rematar no xulgado.
Esta opción non é a desexada polo goberno, dado que demoraría aínda máis o remate da obra, polo que, paralelamente tratarase de negociar un acordo cos novos responsables da empresa, cos que, polo momento, foi imposible contactar.