Todos os podcast | A penaltis

Todos os podcast | A penaltis

By AGalegaAudioSports
Download on the App Store

Todos os podcast | A penaltis episodes

  • Plásticos no mar e poesía infantil sobre o cosmos
    Na primeira conversa lectora de 2024 Eva Mejuto recupera unha obra divulgativa sobre a contaminación mariña causada polos plásticos e propón un novo álbum ilustrado de poesía infantil.
    O primeiro é o libro 'Plasticus Maritimus, unha especie invasora' da bióloga mariña portuguesa Eva Pêgo, publicado en galego por Kalandraka. A obra está narrada para a rapazada desde a experiencia persoal. Eva Pêgo describe distintos tipos de plásticos que contaminan o mar, incluído o granulado plástico que agora chega ás nosas praias, e propón diversas solucións.
    A obra ‘Canto Cosmos. Poemas e astronomía para case bebés’ é un álbum ilustrado de poesía infantil sobre planetas, estrelas e ata a materia escura. Versos de Estíbaliz Espinosa e ilustracións de Clara Cerviño neste volume publicado pola editorial Embora.
    11 min
  • A orixe e significado dos topónimos galegos
    No Diario Cultural aprendemos a orixe e significado das palabras con Antón Santamarina, un dos máis importantes lingüistas de Galicia. A Real Academia Galega ofrece na súa canle de YouTube unha nova tempada da serie audiovisual 'O seminario de onomástica responde'. Coas novas gravacións en vídeo son xa máis de 45 os episodios subidos á rede cos que podemos facer un percorrido por todo o país a través da pegada da lingua no territorio. Son palabras que empregamos na nosa vida cotiá e, en moitos casos, descoñecemos a súa orixe e verdadeiro significado. Os lingüistas arroxan luz sobre a toponimia e descubrimos que hai detrás de palabras como Orzán ou Balaídos.
    13 min
  • 'Unha inimiga do pobo' de Talía Teatro
    Afonso Becerra analiza 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. É a versión teatral da peza de Henrik Ibsen, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey. A obra estreouse en 2023 e continúa en cartel. 'Unha inimiga do pobo' é un espectáculo de grande formato, no que se equilibran de xeito moi rítmico as escenas máis dramáticas coas máis teatrais e festivas. Unha peza de teatro político sobre a corrupción do sistema, sustentada pola propia corrupción do pobo e as súas comenencias máis inmediatas.
    15 min
  • A pegada de Pablo Picasso na escola da Coruña onde estudou
    A Escola de Arte e Superior de Deseño da Coruña leva o nome de Pablo Picasso, que estudou tres cursos nesta institución, entre 1892 e 1895. Tras a celebración do Ano Picasso, a escola incorpora unha exposición permanente que recupera esculturas e láminas que o artista reproduciu durante a súa etapa coruñesa e facsímiles da súa documentación académica. A exposición reivindica a importancia da estadía coruñesa na obra de Picasso e mostra a evolución das ensinanzas artísticas. "Conservouse toda a documentación académica de Picasso, as súas calificacións, as probas de exame e a lista dos seus compañeiros de clase", asegura Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.
    14 min
  • 'Honeymoon' e 'Perfect days'
    Moncho Lemos comenta dúas estreas cinematográficas: 'Honeymoon' do galego Enrique Otero; e 'Perfect Days', a última longametraxe de Win Wenders. A película 'Honeymoon' é unha viaxe dende o drama ata a comedia que demostra a capacidade do ser humano para facerlle fronte a situacións complicadas. O filme mantén a atención do espectador ata o último fotograma. A segunda estrea é o filme 'Perfect Days'. O protagonista é un home tranquilo que traballa limpando os baños públicos en Xapón. É un guión enigmático que narra a historia dun home cunha vida sinxela e feliz. Conforme avanza a longametraxe, o espectador vai descubrindo que o protagonista tiña unha vida anterior ben distinta á actual.
    14 min
  • 'Feelings', de Janet Novás
    A artista Janet Novás protagoniza a performance ‘Feelings’ na Fundación Luis Seoane da Coruña. Janet Novás é un nome de referencia na danza contemporánea e, ademais, está na lista de aspirantes aos Premios Goya que se van entregar en Valladolid o 10 de febreiro. O seu traballo como protagonista no filme ‘O Corno’, de Jaione Camborda, deu un xiro inesperado a súa carreira artística. O seu traballo sorprendeu a todos os espectadores, pola profundidade da súa personaxe María, unha mariscadora da Illa de Arousa. Neste Diario Cultural entrevistamos a Janet Novás e facemos un percorrido ao longo da súa traxectoria artística. “Unha das primeiras veces que bailei sentín un ‘subidón’ de emocións, namoreime dese momento e, a día de hoxe, sigo buscando sentir o mesmo en cada obra”, explica a artista nas ondas da Radio Galega.
    14 min
  • 'As mellores películas da historia', no Teatro Colón da Coruña
    Os grandes clásicos da historia do cine proxéctanse, en versión orixinal, no Teatro Colón da Coruña, con convidados de excepción que comentarán os filmes. Nos coloquios participan cineastas e escritores como Elvira Lindo, Paco Plaza ou Jaione Camborda, directora de ‘O Corno’ e recente Concha de Ouro. No Diario Cultural entrevistamos a Javier Trigales, coordinador deste ciclo de cinema. Entre os filmes están ‘O apartamento’, ‘Ao final da escapada’, ‘Cidadán Kane’, ‘O piano’, ‘O espírito da colmea’ ou ‘Psicose’.
    15 min
  • 'Miñatos de Vran', con libreto orixinal de Enrique Zas e Ramón Otero Pedrayo
    Luís Miguel Crespo analiza a zarzuela galega 'Miñatos de Vran' que volve á escena con representacións no Auditorio de Vilagarcía e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Os protagonistas son a Banda de Música Municipal de Santiago, baixo a dirección de David Fiuza; o Coro Asociación Liceo de Vilagarcia dirixido por Josefa Dorado Soto; a formación Antigos Tunos de Santiago; e as voces solistas principais da soprano Patricia Rodríguez Rico, o barítono Gabriel Alonso e o tenor Diego Neira. A dirección escénica está a cargo de José Álvarez, con música de José Fernández Vide e co libreto orixinal de Enrique Zas de 1928, reelaborado por Ramón Otero Pedrayo no 1959.
    13 min
  • Un instrumento pequeno que agacha unha grande historia
    O musicólogo Javier María López preséntanos ‘Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada’. Este libro-cd percorre a fascinante historia dun instrumento musical espallado por todo o mundo e que recibiu máis de mil denominacións: birimbao, arpa da boca ou guimbarda. Na Fonsagrada, a comarca galega na que máis se preservou a súa memoria, chámanlle trompa. Alí naceu o principal protagonista desta obra, Herminio Villaverde, un labrador finado en 1991, virtuoso da trompa e figura clave para transmitir este legado musical ata nós. ‘Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada’ é o último volume da colección Chave Mestra da Central Folque.
    19 min
  • ‘Nocturnos’, arte para a memoria histórica
    Mónica Maneiro comenta a exposición ‘Nocturnos’, de Nicolás Combarro, que pode visitarse na galería Nordés de Santiago ata o 26 de xaneiro. Unha proposta que explora as arquitecturas de represión que someteron os republicanos españois na Península e en Francia. Cárceres e campos de concentración retratados en fotografías só parcialmente iluminadas, en gravados destas arquitecturas represivas sobre planchas de Vinc ou en esculturas realizadas con moldes de cascallos do antigo cárcere de Carabanchel. Unha mostra para iluminar o pasado a través dos espazos de violencia e represión.
    8 min

About Todos os podcast | A penaltis

From the publisher's feed

O fútbol de Galicia con faladoiro, entrevistas, actualidade, goles a fartar e moita, moita carallada! De luns a xoves a partir das 22.00 horas na Radio Galega, Twitch e YouTube