Hoxe toca volver falar de Altri, e a súa macrofactoría de celulosa que está prevista asentarse na comarca galega da Ulloa. Xustamente desde alí fálanos Zeltia Laya, voceira da Plataforma "Ulloa Viva", logo de visitar o Parlamento Europeo en Bruxelas. Como ela nos comenta, o proxecto da empresa incumpre até 7 directivas comunitarias relativas á bioversidade, hábitats, calidade do aire, nitratos ou marco da auga. Foi, pois, xenial o poder expor estas e outras cuestións a salientábeis eurodeputados, como é o caso de Florent Marcellasi (Os Verdes), Idoia Villanueva (Unidas Podemos) ou Ana Miranda (vicepresidenta do comité de peticións, BNG) Como di Zeltia, "imos chegar até onde faga falta"...
Atravesamos a Raia para conversar tamén con João Ribeiro, enxeñeiro lisboeta afincado en Vila Real, formado en Arquitectura Paisaxista e amante da coalición que forman "ambiente e educação". El xa visitou Palas de Rei hai dous anos para expor os cálculos considerados dos consumos vencellados á Altri, e relativos á madeira necesaria. Incidindo na problemática da eucaliptización que pode ir a máis cun proxecto destas características (previsto para 75 anos), João di que todo depende da forza da sociedade civil e da presión á que se someta aos diferentes gobernos e administracións.
Para acabar, a música de António Zambujo e a súa "gota de água". Encaixa perfectamente co lema das xentes que foron ao Encoro de Portodemouros a dicir aquelo de "A auga é nosa, e non da celulosa"...