Hoxe falamos dunha historia incrible, descoñecida aínda para moitos a norte e sur do Miño: O Couto Misto, un territorio privilexiado na Raia, entre os concellos galegos (ourensáns) actuais de Calvos de Randín e Baltar e o municipio portugués de Montalegre. Tres aldeas, Santiago, Rubiás e Meaus, nunha especie de república que perviviu 7 séculos (até o Tratado de Lisboa que conformaba os lindes da fronteira, no 1864), sen dar contas a España nin a Portugal, e que contaba con autogoberno, exención de cargos fiscais, libre comercio ou dereito de asilo. Para dar respostas ás nosas preguntas, xuntamos no estudio da radio a Serxio Maria, politólogo, historiador e "misto"; e a Xosé Manuel Cid, decano da Faculdade de Educación e de Traballo Social (U. Vigo), con amplísima experiencia e colaboracións coas universidades portuguesas, alén de fundador da Nova Escola Galega. Este, ademais, condecorado co título de "académico" da simbólica Nova Academia do Couto Misto, e premiado en 2017 co título de "xuíz honorario" do Couto. Aquel, voceiro da "Iniciativa polo Couto Misto".
Unha conversa, en definitiva, espectacular, a cabalo entre a historia, a simboloxía, a recuperación da memoria, e todo o que representa o maior "marco" nunca construído entre Galiza e Portugal. Unha historia fascinante, acompañada dos fados de Maria do Ceo ("Orbalheiras" e "Himno do Couto Misto") e dun clásico arraiano de Fuxan os Ventos, "Estraperlo". Para máis información, recomendámosvos o libro de Luis G. Mañá, de Xerais ("Couto Misto, unha república esquecida") Non volo perdades... e viva o Couto Misto!!