Neste sétimo capítulo, 'A ferida aberta no 36' trasládase a Santiago. Á Compostela de Ánxel Casal, á de Camilo Díaz Baliño, á Compostela de Nós.
Apenas uns días despois do golpe, os cárceres enchéronse de presos políticos e producíronse os primeiros paseos; como o de Casal ou Díaz Baliño. Nun primeiro momento, os arrestados eran conducidos á Falcona. Trala guerra, habilitouse a prisión de Santa Isabel e comezou a funcionar o campo de concentración da Lavacolla, por onde pasaron arredor de seis mil internos.
* O historiador Rafael García Ferreira axudaranos a transitar por estes tres espazos do terror.
* Visitaremos o campo de concentración da Lavacolla coa axuda de Elisa Tobar, de 96 anos; de María Torres, filla dunha veciña da zona; e de Rosalía Macías, autora dunha investigación.
* Lembraremos a detención e asasinato, na zona do Amenal, dos "Homiños de Boimorto" con Mini Rivas, concelleiro en Boimorto cando se producíu a exhumación dos primeiros corpos.
* Analizaremos o oco que deixou na cultura galega o asasinato do alcalde de Santiago, Ánxel Casal, con Xosé María Dobarro Paz; e traeremos a primeiro plano a figura da súa compañeira, María Miramontes, coa axuda de Encarna Otero.
* Co gallo do Ano Castelao visitaremos a exposición "Ollos de Vidro", comisariada por Germán Labrador.