Cinco anos despois da devolución do pazo de Meirás ao Estado, o Goberno inicia os trámites para declarar este espazo como lugar de memoria. Un enclave que representa o máximo expoñente do espolio cometido polos Franco en Galicia. Neste capítulo analizamos como o ditador se fixo con este inmoble que pertencía á familia de Pardo Bazán e os segredos que agochan as paredes do pazo. Pero ademais, colectivos memorialistas, historiadores e representantes da clase política inciden sobre o efecto que debe ter sobre Meirás o seu recoñecemento como lugar de memoria.
Vaia por diante o noso agradecemento a todos os que fixeron posible este capítulo:
- Matías Rodríguez da Torre, voceiro de Iniciativa Galega pola Memoria.
- Carlos Babío, investigador e presidente da CRMH.
- Emilio Grandío, historiador.
- Xosé Manuel Núñez Seixas, historiador.
- Marta Vidal Zapateiro, guía turística de Meirás.
- Nestor Rego, portavoz do BNG no Congreso e un dos "dezanove de Meirás"
- Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta.
- Goretti San Martín, exvicepresidenta da Deputación da Coruña.
Xa co gallo do Ano Castelao, neste capítulo ocupámonos do 75 aniversario da primeira emisión radial do Sempre en Galicia; o primeiro programa radiofónico do mundo emitido íntegramente en galego. Analizamos este fito co director deste espazo, Toni de Searez; co documentalista Xan Leira e a investigadora Mónica Rebolo.
Moitísimas grazas a todos e todas por pasarvos por A ferida aberta no 36!